Gabriel Martínez, sexto no Campionato de España de Infantiles

Ademáis, Ángel González logrou o 13º posto, mentres que o club logrou meterse entre os 30 mellores clubs no Campionato de España de Infantiles, disputado no encoro de Trasona (Avilés).

IMG_1660 - copia

O Ribeiras do Tambre participou a pasada fin de semana na Copa de España de Jóvenes Promesas Cadete sobre 1000 metros e no Campionato de España Infantil sobre 3000 metros, regatas que tiveron lugar no encoro de Trasona (Avilés). O club acudía á cita cun total de 11 padexeiros (2 cadetes e 9 infatiles).

No Copa de España de Cadetes disputada o sábado, tomaba parte o noso k-2 cadete formado por Carlos Balsa e Martín del Río. Ante a numerosa participación, foi necesaria a disputa da contrarreloxo para definir as prazas das semifinais. Os nosos padexeiros non puideron lograr clasificarse entre os 27 primeiros e meterse así nas semifinais, nunha proba na que nunca se atoparon cómodos sobre a embarcación ante un gran nivel que presentaban os padexeiros cadetes de toda España. Desta forma, remataba a participación do Ribeiras do Tambre nesta Copa de España Cadete sobre 1000 metros.

Na xornada de domingo, era o turno do Campionato de España de Infantiles, sobre a distancia de 3000 metros. Na primeira proba, saían á escena Lorena Viaño e Andrea Tuñas para participar na categoría Muller Infantil B k-1. Tras unha saída sen complicacións para as nosas, na segunda ciaboga e cando xa tiña percorrido a metade da regata, Lorena, no seu afán de adiantar algunha posición foise á auga, cando loitaba polo 20º posto e xa quedou fora da disputa da regata. A pesar do percance e da rabia do momento, subiuse á súa piragua para rematar os 1500 metros que lle restaban nun acto que a honra, finalizando a regata no posto 53. Pola súa parte, Andrea, sabedora das súas posibilidades, non tivo percances durante a competición e rematou nun bo posto 51.

Na categoría Home Infantil B k-1, o club poñía na liña de saída ata 6 participantes: Gabriel Martínez, Ángel González, Juan Alfredo Martínez, Gonzalo Diz, Rubén Tomé e Álvaro Fernández. Nunha saída con moitos deportistas, os nosos tampouco tiveron percances e foron tomando posicións a medida que percorrían os 3000 metros. O noso padexeiro Gabriel sempre estivo peleando no grupo de cabeza, e finalmente foi sexto na liña de meta, tras un intenso sprint co quinto clasificado, ao que non foi capaz de batir. Un resultado excelente para o amiense. No seguinte grupo, entraba Ángel, logrando o 13º posto, nunha moi bo regata por parte do noso deportista. Pola súa parte, Juan cruzaba a liña de meta no posto 31 tras unha moi boa saída, mentres que Gonzalo chegaba un pouco máis atrás, no posto 46. Rubén e Álvaro, ao igual que Andrea, aínda sabedores das súas posibilidades realizaron unha magnífica regata, logrando os postos 78 e 83 respectivamente.

Por último, foi o turno da categoría Home Infantil A k-1, onde participaba o noso padexeiro Xosé Lois. Na proba coa maior participación da xornada (un total de 115 deportistas) e tras unha saída nula, Pepe realizou unha estupenda regata, logrando o posto 93.

En canto á clasificación final por clubs, o Ribeiras do Tambre logrou a 29ª posición, dun total de 73 equipos participantes de toda a xeografía nacional. Unha pena a caída de Lorena, que nos houbera colocado entre os 19 mellores clubs de toda España.

Noraboa a todos por estes magníficos resultados e a seguir traballando!

Deja un comentario